(Fragmentos do Caderno de Bitácora da nave SINIESTRO TOTAL nas súas aventuras americanas no ano 22 da era de Pol Pot —ou 1997 da era de Cristo)

Tripulación: Angel Glez, Xavier Soto, Segundo Grandío, Julián Hernández, Jorge Beltrán (músicos), Xosé Manuel Blanco (xerente de ruta), Jose Collantes (técnico de son) e Mikel Clemente (cámara e aventureiro intrépido).

PRIMEIRA VIAXE: Maio de 1997

VOO DE MADRID A LIMA PASANDO POR SANTO DOMINGO

Excitación na zona de saídas internacionais do aeroporto de Madrid: seis galegos, un vasco e un madrileño facturan guitarras, cámaras e maletas rumbo ó descoñecido. Fala o sampler da megafonía:

—Salida-del-vuelo-de-Iberia-número-bla-bla-bla-señores-pasajeros

-embarquen-puerta-bla-bla-bla…(…)

(zzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzz) (…)

—Señores-pasajeros-bienvenidos-al-Aeropuerto-de-Las-Américas-de-Santo-Domingo-bla

-bla-bla…

É a primeira vez que Siniestro Total pisa unha illa do Caribe. O cheiro do Trópico, unha cervexa Presidente e un berro: "¡Temos que ir a Cuba a tocar!".

—Salida-del-vuelo-de-Iberia-bla-bla-bla-con-destino-Lima-bla-bla-bla-

señores-pasajeros-embarquen-puerta-bla-bla-bla…

LIMA

Dez días despois do asalto á embaixada do Xapón (¿alguén se lembra?) chegamos a Lima. É de noite. Tremendo descontrol horario. Caos no aeroporto. Vixiancia intensiva de guitarras e maletas. Porque é imposible pasar desapercibidos: todo o mundo ten cara de inca e nós só somos galegos aturdidos pola viaxe… (…)

A mañá seguinte a frase é:

—¡Ei! ¡O Pacífico! Nunca o vira antes. ¡Qué grande é!

(E Mikel foza na sua cámara nova: pensa dar testemuña viva das glorias e miserias da nosa odisea.) Atopámonos no barrio de Miraflores. ¿Primeira impresión de Lima? A linguaxe dos claxons —non paran nunca. Falan entre eles dalgún xeito incomprensible para nós —coma os delfíns ou os paxaros. (…)

Roda de prensa. Sobre a mesa unhas "chelas" (cervexas —a mellor é a Cusqueña, feita con auga de Cuzco, perto do Machu Picchu) e semella que a xente agardaba pola información dende séculos atrás: queren sabelo absolutamente todo.

Pero coñecen ben ó grupo: as grabacións piratas circularon a esgalla por todo Perú nos anos oitenta. Hai quen xura que unha cinta de La Polla Records, Kortatu e ST cambióulle a vida… ¡Qué "bacán"! (peruano por ‘¡qué guay!’).

¿É impresión miña ou teñen medo de preguntar a nosa opinión sobre a situación política peruana e as guerrillas de Sendero e Tupac Amaru? Ademais, a mención da palabra ‘sexo’ provoca grandes risas case infantís, e iso fainos lembrar que moitas cousas, que nós xa temos por normales, para eles son liberadoras. (…)

Os taxis non teñen taxímetro: tí pactas o prezo antes de montar no coche —bó sistema. Dende un deles, vemos dúas pintadas (¿ácratas ou senderistas?): "La muerte es un arte" e "Vota aquí para matar a Dios". (Anotación inmediata no caderno de bitácora. Meses despois incorpóranse á letra de "El enemigo parpadea" —ver "Sesión Vermú"). (…)

Noite de venres: a actuación no clube "Sargento Pimienta" desborda as previsións e uns centos de persoas quedan fora. Problemas técnicos: temos que empezar có escenario a escuras presentindo que xa habia mortos baixo o pogo salvaxe. A policía (¡coas armas automáticas na man!) fai rematar a actuación; afortunadamente foi cando faltaba moi pouco do repertorio previsto. A xente queda contenta e nós extasiados.

Festa pos-concerto no mesmo bar. A calor é insoportable. As chelas de tres cartos de litro caen por ducias. As caras da xente brillan e uns pos brancos decoran os beizos superiores de moitos e moitas. (Lémbrese que aquí a cocaina é tamén ilegal pero moitísimo máis barata que en Europa: unhas ducias de pesos por gramo).

Un anaco de filosofía peruana a cargo dun fan (¿o neto de César Vallejo?):

—Hermano, si estás triste ¡cambia de Dios! (…)

A comida peruana é fascinante: ceviche (pescados case crús con limón verde), anticuchos (pinchos de corazón de vaca), pisco sour (cóctel con pisco e limón), … (…)

Pouco a pouco descubrimos que o cerebro dos peruanos é coma as liñas de Nazca: perto delas non se entende nada, pero, cunha certa perspectiva, aparecen os contornos definidos dun colibrí ou dunha araña. (…)

Festa de domingo noite no clube "Los Duros". Tocan Psicosis e Leuzemia para unha xente moitísimo máis pobre e borroka ca do primeiro concerto. Subimos a tocar sen Beltrán —quedóu no hotel— e é como se o vello punk rabudo e mal encarado (malos equipos, pogo a hostias, intercambio caótico entre público e músicos) estoupase agora en Lima. ¡Anarkía e cervexa fría! (…)

Marchamos ó día seguinte e o corazón de ST chora en compás binario polos seus novos amores: Lima e os peruanos. Compramos infusión de coca no mesmo aeroporto: ¿deixaránola pasar en España? O avión sobrevoa os Andes ("andes lo que andes nunca andes por los…") cara a Santiago de Chile via Bós Aires. (…)

SANTIAGO DE CHILE

O Aconcagua saúda case pegado á xanela do avión e pode contemplar as nosas caras. ¿Qué ve? Un grupo galego de rock definitivamente escarallado vivo. (…)

Visita-blietzkrieg a Santiago. DATOS A TER EN CONTA:— Unha cervexa: Escudo. —Un bar ineludible: o 777 (no segundo piso dunha casa do centro; fouces e martelos e mensaxes polas paredes; está aberto 24 horas: un oasis).—Un restaurante: "Venecia (importante beber viño chileno: un dos mellores do mundo). —Un encontro: cos jichos de Café Tacuba en plena rúa (son mexicanos: xa teríamos oportunidade de coñecer mellor o carácter azteca). —Un concerto: no medio dunha festa nun local de bacalao (¿?). —Unhas entrevistas: breves, concisas (o contraste con Perú é enorme aínda que tamén beben pisco sour —pero os chilenos din que o invento e deles). (…)

Volta para o hotel co jicho da compañía. De noite facemos a visita "turística" de rigor: a Casa da Moeda. O aspecto é terrorífico. No medio da néboa recórtanse en contraluz as figuras de policías con gorra de prato e abrigo longo. Falamos do "asunto":

—Ese es el hotel desde donde dirigieron los agentes de la CIA el asalto final. Y esta es la puerta donde se suicidó Salvador Allende

¿¡Ein…!? Moito cambia o conto segundo o sitio onde se conte. (…)

Desmaio no hotel para ó día seguinte emprender voo a…

ARXENTINA (Bós Aires e Rosario)

—¡Ché! ¿Vihte? ¡Qué quilombo!

De volta a casa. Porque Bós Aires é a nosa casa… ou case: xa estivéramos dúas veces antes aquí. É, tamén, a cidade galega máis grande do mundo. Pero só temos a primeira tarde libre. Aproveitamos para visitar Plaza San Telmo e arredores: un barrio con incribles tendas de antigüidades (¡hai un Stradivarius nun escaparate!). Unhas chelas (Quilmes, unha vella amiga) na terraza da mesma praza. (…)

"Notas" (entrevistas) sen fin: con Mario Pergolini (creador e director do "Caiga quien caiga" orixinal arxentino), no diario "Crónica" ("vosero del peronismo, ché") e fotos no Parque Lezama (Soto lembra que aquí empeza "Sobre héroes y tumbas", a novela de Ernesto Sábato). Unha entrevista por teléfono con Rosario ten coña: ao rematar non se decatan de que aínda estou escoitando e comentan entre eles:

—Ché, estos son unos maniáticos (sic) sexuales… (…)

¿Vida normal dun grupo de rock nestes casos? Festas, alcol e sexo duro. Ben, non exactamente… Pero todo é tan caro en Bós Aires que a perica sube a unhas mil e pico pesetas o gramo. E a carne, a carne… (…)

Actuación no Cemento, unha sala histórica do rock arxentino. Compartimos cartel con Superuva e Pil Trafa (¡vaia nome! pero é un sobrevivinte do rock nos anos escuros do xenocidio a cargo dos milicos). (…)

Falamos das mulleres de Bós Aires (moi guapas, elegantes…de impresión, vaia) e alguén comenta:

—Ché, esperen a ir a Rosario. Allá están las mujeres más lindas del mundo.

Nunha furgoneta modelo Freak Brothers marchamos ó día seguinte —cós colegas de Superuva— cara á ‘terra prometida’. Nada máis entrar en Rosario (onde naceu o Ché) xa corroboramos que, efectivamente, alí viven as mulleres máis fermosas do mundo (mellorando o presente, aquí na Galiza…). E non é cuestión de boa alimentación: fai pouco a xente asaltaba os supermercados á procura de comida. (…)

¿O concerto de Rosario? Ben, gracias. Tocamos no Morrison, que está no sótano dun edificio enfronte do rio Paraná. Na primeira planta hai unha actuación heavy e o dono empeza a tiros ó aire para que a xente non entre sen pagar. E a policía espera fora con balas de goma. ¡This is América! (…)

A volta de Rosario é demencial. De noite, chovendo, o cháufer que se durme, Checha -cantante de Superuva- que vomita… ¿E nós? Escarallados vivos de novo. (…)

Última noite en Bós Aires. ¡Ché! ¿Vihte? ¡Qué quilombo!

 

SEGUNDA VIAXE: Xullo de 1997

MADRID

Excitación na zona de saídas internacionais do aeroporto de Madrid: seis galegos, un vasco e un madrileño facturan guitarras, cámaras e maletas rumbo ó descoñecido…¡Ei! ¡Para, neno! ¿Qué é isto? ¿Un dejà vu? Eu xa vivira isto antes… ¿Cál é o plan esta vez? Pouca cousa: Miami, Nova York, México D.F.…

MIAMI

¿Miami? ¡Vaia horterada! Cheo de "gusanos" e cuspidiño a "Miami Vice" pero sen o Ferrari. O calor é tropical, ou sexa, insoportable. ¿Algunha cousa especial? O baño nocturno de ST nunha Miami Beach absolutamente valeira. (…)

Ben, non temos por que ser crueles. Miami ten o seu rollo. No South Beach hai unha zona "art nouveau" moi especial: alí asasiñaron a Gianni Versace ó día seguinte de marchar nós (non sospeitaron nada). E tinximos o pelo na peluquería de un jicho de Betanzos. E hai moitas noruegas nos caixeiros automáticos. E os Cohibas (prohibidos en USA) véndense pola rúa case ó mesmo prezo que en España. E tocamos ás catro da mañá no South Beach Pub. E non facíamos máis que pensar en …

¡NOVA YORK! (¡Cha-cha-chán!)

¡Manhattan dende o avión! A impresión é moi forte: isto é o decorado da "Gran Película Do Mundo" có guionista traballando duro ó outro lado da esquina. O nome do noso particular filme é "Límite: 48 horas" porque só temos dous días para caer nas garras do consumismo, do vicio, do espíritu de Travis, da trompeta de Miles Davis, dos bares de lenda, do vértigo do World Trade Center, das rúas de "Watchmen" ou de Woody Allen, dos anuncios luminosos e do calendario que sinala os días que faltan para a fin do milenio… ¿quén pensa en durmir na Cidade que Nunca Durme? (…)

Imos cear ó Village esa mesma noite. Jose merca compulsivamente un par de discos. Escaparates incribles, limusinas de fábula, sushi (papeo xaponés) e centos de clubes con música en directo. Unha dúbida: ¿onde está Spiderman? (…)

Domingo en Manhattan. Temos o tempo xusto de ver o Madison Square Garden, Times Square e un par de bares. Comemos e saímos axiña cara ó New Music Café, o local da actuación. Antes da proba de son, unha rapaza con gafas de sol abórdame na rúa, coas Torres Xemelas nó fondo:

—¿Julián Hernández?

Non, a nosa fama non chega tan lonxe. Trátase de Olaia Ojea que traballou na Telegaita fai un tempo: non hai rincón do mundo onde non haxa un galego. No concerto aparecen moitos que veñen de New Jersey. ¡Algún deles con bufanda do Celta! Moitos non falan castelán: só inglés e galego. ¿What the carallo? ¡Fuck fora, tí sucker!

Despois do concerto comeza un periplo alucinante con baixada ós infernos incluída: procesión por varios clubes con música en directo guiados por Antonio Murado e familia, retirada paulatina da xente e, ó final, quedamos Blanco, Mikel e un servidor pasando por boliches históricos (CBGB’S, Pyramid, …) e comprando cervexa nas 24 Hour Shops. Entramos nun garito ilegal, nunha casa de película, nun barrio portorriqueño. Hai alcol, drogas e "bailarinas de strip tease", na súa noite libre, que falan con nós. Unha delas, Saxx, amósanos o cú alí mesmo… Saímos do antro as oito da mañá e decidimos ver a Estatua da Libertade aínda que sexa de lonxe. Blanco entra fumando nas Torres Xemelas. ¡Sacrilexio! (Fuximos). Cheiramos por algunha librería e tenda de discos e corremos nos Sanfermines de Wall Street —hai fotos que dan fe. (…)

Sen durmir, pasamos polo hotel e marchamos para o JFK. (…)

MÉXICO D.F.

No mesmo avión de Aeroméxico unhas azafatas, que viaxan como pasaxeiras de volta a casa, dan as primeiras pistas sobre o sentido do humor mexicano… E ten que ser bó porque a última media hora de voo pasámola por enriba de México D.F., e fai falta moito humor para vivir nunha cidade tan enorme. (…)

A xente que organiza os concertos é eficaz e agradable (¿Managers agradables? ¡Non hai cousa tal!). Contratan un guía para nós: Flama —case que todos os grupos que pasan por México o coñecen. Lévanos a cear e ferven os esófagos có picante. Flama bótalle á cervexa (Sol, Pacífico ou Corona) non só limón senon tamén sal: ¡anotamos a receita ipso facto no caderno de bitácora! O tequila é imprescindible para facer ben a dixestión. ¡Viva México, cabrones! (…)

A marihuana mexicana é a mellor do mundo (iso afirman Segundo e Angel). Flama conduce cara as pirámides de Teotihuacán. Alí a suposta enerxía que emana dos aztecas mortos esvaece entre turistas e postos de souvenirs sen gracia. Para auténtica, a gasolineira na que paramos. E mesmo os barrios miserables dos suburbios do D.F. (o "DeFectuoso" chámanlle eles) semellan sacados dun documental. (…)

Repítese o mesmo cartel diante de todos os garaxes: "Se ponchan llantas las veinticuatro horas del día" (Pínchanse rodas as vintecatro horas do día). Quere dicir: "Non aparcar, hostia". Non é de extrañar que surrealistas de medio mundo pasaran por México ou remataran aquí os seus días (Buñuel, sen ir máis lonxe). (…)

O primeiro concerto é no clube Bulldog. As mulleres entran gratis, os homes non poden entrar sen parella e, có prezo da entrada, hai barra libre. A maioría dos antros (termo non despectivo para eles) funcionan dese xeito. No concerto volven a facer a súa aparición as bufandas do Celta (pero ¿quén as exporta?) e gracias a elas facemos un bis, algo insólito por aquí. (…)

Día libre que aproveitamos para beber tequila, con premeditación e alevosía, na Plaza Garibaldi —chea de mariachis— e probar os "toques" (descargas eléctricas con baterías de coche). O combinado fai efecto e rematamos espallados por unha das cidades máis perigosas (ou iso din) do planeta. ¡Que Moctezuma nos colla confesados! (…)

O segundo concerto é no Parque Naucalli e ata alí achégase a "banda" (basca) punk do mercadillo do Chopo. O "activo" (pegamento) xa fixo estragos nos seus cerebros (un deles leva a chuta atravesada na orella); e botan fora ós outros grupos e mesmo á xente de seguridade: non queren músicos "fresas" (‘maricallos’ pode ser a traducción). "No hay pedo, güey" (non hai problema, tío) pero resulta imposible conterlles para que non suban ó escenario. Rematamos o concerto como mellor podemos. E no "Sesión Vermú" —moi influenciado por esta viaxe— escóitase a voz dun rapaz fora de sí gravada alí mesmo:

—¡Chinga a su madre el PRI gobiernooooo…!

A pantasma de Trotsky axita un pano branco facéndonos xurar que Siniestro Total volverá a México para tocar —baixo o volcán— no Día dos Mortos.

1997 Julián Hernández

P.S.: A infusión de coca peruana pasou desapercibida para os picoletos da aduana española.

 

Volver